Crónica iv encontro da rede solidaria da mocidade entreculturas
1. IV ENCONTRO DA REDE SOLIDARIA DA MOCIDADE ENTRECULTURAS
GUADARRAMA, FEBREIRO 2014
Por terceira vez consecutiva, o CPI Virxe da Cela participa no Encontro da Rede
Solidaria da Mocidade de Entreculturas que se celebra bianualmente en Guadarrama
(Madrid). Neste xa IV Encontro da Rede, que leva por lema “Remóvete e actúa pola
educación e os dereitos humanos”, bateuse o record de asistencia: casi 300 persoas,
entre alumnos/as, profes, técnicos/as e voluntarios/as de Entreculturas. Outra das
trazas que poderían definir este último encontro é a “diversidade”, xa que nesta
ocasión contamos coa presenza de mozos/as e docentes de diferentes países (Ecuador,
Colombia, Portugal, Malta, Italia, etc), que aportaron grande riqueza na fala, na
cultura, e na maneira de entender o mundo.
A pesares do madrugón do venres 14 e a tensión dunha longa viaxe en bus
loitando coas adversidades atmosféricas (digamos que as rachas de vento se percibían
como auténticas “turbulencias”), chegamos ao noso destino ao final desa mesma
tarde, e a partires de aí sucedéronse unha tras outra as diferentes actividades
programadas. Como podedes ver nas fotos, Rocío, Laura, Iago e Adrián comportáronse
como uns perfectos embaxadores/as do noso centro, amosando a súa boa disposición,
don de xentes, participación activa, e outras moitas virtudes… Sabemos que foi para
eles unha experiencia inesquecible, e proba disto foron as bágoas que se verteron no
autobús o domingo ao mediodía, no momento da volta a casa… As profes Yolanda e
Verónica tiveron a oportunidade de reencontrarse con outros/as docentes galegos/as
que tamén pertencen á Rede, ampliaron a súa formación a través de charlas e
dinámicas e… aínda que os anos pasan factura… estiveron á altura das circunstancias
dándoo todo na sesión disco da noite do sábado…