1. PROXECTO: “NON SÓ É LUME”
O bosque do Duque é un libro de Fran Fernández Davila que este trimestre se propuxo como
lectura obrigatoria en 2º ESO. A escolla desta obra está moi relacionada co Proxecto “Non só
é lume” en que se afonda na problemática do lume en Galicia, xa que o lume está moi
presente no desenvolvemento da trama.
Sabine é unha nena galega emigrada en Holanda onde hai tres
amigos cos que vivirá unha aventura fantástica nun bosque
imaxinario que está sendo arrasado polos rozadores e polo
lume. A súa misión é salvar este bosque de árbores autóctonas
dos rozadores, seres que cortan estas para plantar outras
especies foráneas, e dun incendio que pouco a pouco vai
acabando con todo. Pero o libro tamén é unha metáfora da
desaparición do galego, porque todas estas árbores autóctonas
teñen palabras escritas en galego.
Despois de ler o libro, dedicouse unha sesión a debater sobre as diferentes posturas e
apreciacións do alumnado arredor do libro.
Noutra sesión tiveron que escribir nun folio unha palabra en galego que lles parecía
importante e que se debía protexer para que non se perdese. Despois sacamos fotos con
elas no noso “pequeno bosque” do patio do centro.