EUROPA EXPRESS
O libro que escollín foi Europa Express, unha novela escrita por Andrea Maceiras no
2015.
Andrea Maceiras é unha escritora nada na Coruña no 1987. É doutora en Filoloxía
Hispánica e licenciada en Filoloxía Galega. Despois de gañar o primeiro Certame de
Micronovela do Concello de Soutomaior publicou a súa primeira novela chamada
Proxecto bolboreta (2007). Escribiu numerosas novelas de xénero infantil e xuvenil, e
debido a estas gañou moitos premios. Con Europa Express conseguiu o Premio Jules
Vernes no 2015. Logo foi traducida ao inglés e tamén foi recoñecida como mellor
novela xuvenil nos premios Fervenzas Literarias.
Para min, de momento, Andrea Maceiras é unha das miñas escritoras preferidas en
galego. O primeiro libro que lin dela foi Volverás, golfiño, o cal foi finalista do Premio
Merlín.
Este libro trata dun grupo de amigos, formado por Piero, Mía, Xacobe, Beatriz, Aroa,
Óscar e Nico, que decidiron percorrer Europa en Interrail cando acabaron o
Bacharelato.
A historia comeza na actualidade en Bergen, unha cidade de Noruega. Nico encontrou
unha postal que lle chamou a atención cando se refuxiaba da nevada. Esta non era
unha postal calquera, senón que nela atopábanse el e máis os seus amigos dez anos
antes, cando estaban a facer o Interrail. Foille doado recoñecer a maioría dos seus
amigos, pero de súpeto viu algo que lle sorprendeu moito e lle fixo acordarse de todo
o que pasara a partir desa viaxe. Este descubrimento fará que Nico se replantee as
cousas coa súa moza actual e na aquela época o seu amor plátonico, Aroa. Debido a
todas estas dúbidas que lle provocou a postal decidiu reunir a todos os seus antigos
compañeiros, agás Xacobe. Xacobe falecera e, aínda que a policía dixo que fora un
accidente, había cousas que facían pensar en que había algo máis detrás deste asunto
tan doloroso para este grupo que foran tan amigos antes de que ocorrera isto. Ao final
descúbrese toda a verdade sobre este accidente, pero se a contase entón non tería
sentido que leades o libro.
Esta novela está dividida en tres partes: Sen notificación de recibo, Xiro Postal e
Franqueo en destino. Nas tres partes podemos observar como participan narrando a
historia todos os personaxes e tamén podemos apreciar saltos temporais entre a
actualidade e fai dez anos. Diante do índice hai debuxado un itinerario onde están
marcadas as cidades que visitaron na viaxe de Interrail.
Este libro trata diversos temas entre os que destaca o paso do tempo. Durante a
novela podemos observar como eran os personaxes e como mudaron debido ao
tempo e aos acontecementos que viviron. Tamén podemos apreciar as distintas
relacións afectivas, como o amor ou a amizade, que había entre os integrantes do
grupo. Por último cabe destacar o tema dos problemas na adolescencia. Este tema
está representado a través da figura de Xacobe, un adolescente que creceu nunha
familia desestructurada e chea de problemas.
Personalmente, Europa Express é un libro que me gustou moito porque ten unha
trama interesante e con suspense. Ademais algo que me encantou foi que mencionou
e describiu tanto física como psicolóxicamente a todos os amigos. Penso que iso axuda
moito a comprender mellor o libro e tamén axuda a envolverte na historia e por tanto
gustarche máis. Eu recomendo este libro debido a que lese rápido porque cando
comezas a lelo vas querer rematalo xa, para así saber toda a verdade sobre o
accidente.
Paula Méndez Freire 1 Bach B